Monday 06 de May de 2024

A Semana Santa chega a Ordes


O acto principal será o vindeiro venres, coa procesión da Virxe das Dores e da Soidade, e na que participan máis de 300 confrades

O ambiente de Semana Santa xa se deixa notar en Ordes. Tras a celebración do Domingo de Ramos hoxe e mañá martes terán lugar as misas vespertinas e as reflexións coresmais ás 20.30 horas. ‘A eucaristía e a salvación’ e ‘María, nai da misericordia’ son os títulos das oratorias previstas para hoxe e mañá respectivamente. O Mércores Santo haberá penitencia para nenos e nenas ás 12.30 horas e ás 19 horas para as persoas adultas. Xa de cara ao Xoves Santo ás 18 horas darán comezo os oficios relixiosos e ás 21 horas a conmemoración da Hora Santa. Ademais este mesmo día ás 10 e ás 16 horas ofrecerase confesión.
Co Venres Santo chegará a xornada máis concorrida. Tras a celebración do solemne Vía Crucis e da Morte do Señor ás 12 e 17 horas respectivamente, ás 21 horas arrancará a procesión da Virxe das Dores e da Soidade. Agárdase, como de costume, que milleiros de persoas acudan a venerar a imaxe da Nosa Señora no seu percorrido de máis dunha hora polas rúas Alfonso Senra, Rosalía de Castro, Lagartos, Recreo e Mediodía. Neste acto traballan arreo os máis de 300 confrades que forman parte da confraría, ademais doutros corpos de seguridade con presenza local como a Garda Civil, a Policía Municipal ou os Bombeiros.
Xa para rematar o Sábado Santo ás 21 horas, novamente na igrexa parroquial de Santa María de Ordes, celebrarase unha vixilia pascual.